Thursday 19 de September de 2024

O Pleno de Ordes aproba a permuta de treitos de estradas autonómicas e locais coa Axencia Galega de Infraestruturas


Na sesión tamén informouse dos trámites realizados polo Goberno Local na Deputación para a creación dunha senda peonil de case 3 quilómetros que une o cemiterio do Valado coa estación da Pontraga

O Pleno de Ordes aprobou por unanimidade a meirande parte dos puntos propostos polo equipo de Goberno Local na orde do día. O máis sinaldado fai referencia ao acordo coa Axencia Galega de Infraestruturas para o cambio de titularidade de varios treitos de estradas, trámite que permite continuar co tan demandado arranxo da estrada de Mercurín con cargo aos orzamentos autonómicos da Xunta de Galicia. Neste aspecto os cambios a prol da Xunta serían: Estrada N 550 á AC 524, con inicio no sur do municipio e remate na glorieta que enzlaza coa AC 524 e a estrada DP 3802 (Ordes-Ponte Carreira); AC 524 á N 550, con punto inicial na glorieta da AC 524 e ramate na N 550 atravesando o polígono industrial e enlazando coa estrada municipal dirección Cerceda; treito N 550 ao límite do termo municipal, con inicio ao norte do municipio con conexión co segundo treito da variante de Ordes, tendo o punto final no límite do termo municipal enlazando cunha estrada cara a Cerceda.

O cambio a prol do Concello de Ordes pasaría por un tramo da rúa Lagartos (AC 417) e na súa prolongación AC 424 (Ordes-Lanzá), así como restos da AC 413 e da AC 524 que quedaron fóra do trazado principal das ditas estradas como consecuencia de obras realizadas.

Marquesiñas escolares
Tamén se acordou a posibilidade de instalar, en base ao plan complementario do PAS 2015, 12 marquesiñas en distintos puntos da ruta do CEIP O Mesón do Vento. Todas e todos volveron coincidir en votar a favor da adhesión ao convenio marco coa Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e coa FEGAMP, en materia de xestións de residuos de aparellos eléctricos e electrónicos no mesmo Punto Limpo do Valado.

No que se abstiveron todos os partidos, agás o PP que votou a favor, foi na solicitude conxunta efectuada polos concellos de Ordes e Frades de subvencións para a adquisición de material de emerxencia empregado por Protección Civil. Unha medida posible grazas á existencia de voluntariado do municipio veciño e cuxo servizo mancomunado aumentaría a puntuación para acadar as ditas dotacións. PSOE, BNG e UXO demandaron máis tempo para poder estudar a proposta presentada coa máxima prema por parte do Goberno debido ao curto prazo marcado pola Xunta para poder solicitar esta axuda.

No apartado de mocións o PSOE alcanzou o apoio de todas as forzas na súa demanda de crear unha senda peonil que transcorra entre a entrada ao cemiterio municipal do Valado e A Agrela, na parroquia de Parada. Concretamente o tramo estaría situado ao longo da marxe esquerda da estrada DP 5903 que vai de Ordes a Portomouro por Puentechonia. Un trámite que o Goberno Local de Ordes xa ten emprendido na mesma Deputación da Coruña o pasado mes de marzo e que amplía ata a zona da estación da Pontraga, puidendo falar dun total de 2,80 quilómetros. Para isto o Goberno de Ordes xa ten elaborado un anteproxecto que conta cun orzamento detallado de cara á súa futura realización.

En base aos rogos formulados dende a bancada socialista informouse da pretensión de incluír dentro das obras do POS 2017 o arranxo e a mellora da vía que vai dende a AC 413 (Ordes-Carballo) a Vilagudín. Seguindo con intervencións en estradas tamén se tratou o arranxo da que vai dende a zona da Agrela a Fosado, ou a solicitude a Telefónica para a relocalización dun poste nas proximidades no CEIP do Mesón do Vento.

Eliminación de barreiras
A petición do BNG o alcalde, José Luis Martínez Sanjurjo, explicou que en canto as condicións meteorolóxicas o permitan continuarase coa sinalización horizontal en distintos puntos da vila. O rexedor tamén avanzou a realización do plan de eliminación de barreiras arquitectónicas, labor que se complementará cos traballos emprendidos xa en materia de peonalización. Tamén se atendeu a petición de redactar en galego toda a normativa reflectida na páxina web municipal, así como outros cambios e a concreción de información na sección de Turismo. Dende o Goberno Local coincidiron cos nacionalistas en realizar un maior control dos vaos sinalados e en emprender unha campaña informativa sobre o bo uso destes. Mesma coincidencia de criterios alcanzouse con respecto ao uso do servizo de saneamento da zona de Reboredo por parte de todos os inmobles para que dispoñan dun compromiso de conexión e concienciar da importancia de facelo así para preservar o medio ambiente e evitar sancións.

Por último informouse de que este ano a XXI Carreira Popular do Concello de Ordes terá lugar o 11 de setembro.